Din se estou tola,
pero foi Rosalía quen veu visitarme,
e non choraba
nin se repartía nos versos de “Negra Sombra”
entre anxos e gadañas.
Só quería cantar!
Cantaba os marcadores das fronteiras
para que aprendan a ser libres,
ós mergullados na fala
que só serve para respirar, e afogan,
os que se pensan nomeados,
designadores de bandeiras
e mandamentos do meu pobo.
Ensinoume, que a ringleira de fume
é o primeiro paso para non voltar atrás.
Haberá quen por cobiza
fará tortos os camiños dereitos
non os encoites¡
Gabean por unha minúscula ovación.
Os de verdade están máis adiante
son os rebeldes do novo mundo
¡Os que estremecerán coa chegada!
X.M.